Traxectoria
Xiana Vilas é doutora en psicoloxía social e licenciada superior en danza. A combinación destas dúas formacións provoca unha mirada persoal sobre a danza, polo que os seus intereses van centrarse no movemento como medio de comunicación artística e tamén como medio de transformación social para mellorar a calidade de vida das persoas. Durante varios anos imparte clases en diferentes escolas e institucións, entre os que se atopan o Espazo de Danza da USC, a Aula de Teatro da USC e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Ademais imparte docencia na universidade sobre educación emocional, psicoloxía social e evolutiva.
En 2009 funda CISMA con Isabel Sánchez, compañía na que como creadora e intérprete traballa o corpo desde un punto de vista estético e filosófico. Nesta compañía desenvolve diferentes traballos: “Entre nanas e cascallos” (2009), “Un disfrace equivocado” (2011), “Tenorias” (2016) e “Absentia” (2017). Para a Compañía de Danza da USC coreografía varias pezas, algunhas delas con música en directo como “Espertares” co grupo de pandeiretas da USC, ou “O mesmo océano abrázanos longamente” coa orquestra da USC.
O seu gusto por compartir experiencias e intercambiar aprendizaxes lévaa a colaborar con diferentes artistas, co actor Alfonso Rivera coreografía “Elementa!”; proxecto do quinteto de vento Zoar. Coa cantante Carmen Pením coreografía e interpreta “Herdeiras”. Co Mago Teto participa como intérprete e coreógrafa en “Alquimia” e “Ultreia”. Pertence, ademais, á organización do Festival HerDanza de Santiago de Compostela (2016-2020) xunto con Leodan Rodríguez e Isabel Sánchez. Tamén traballa dentro do audiovisual e coreografía diferentes videoclips: “Breathe” de Rheia Gorecki, “Coviza” da Banda da Loba, “Aí ven o barco do mar” de Carmen Pením e “Na cama” do Som do Galpom.
Dentro dos últimos traballos atopamos “Maldita fenda” (2021) unha peza creada para o programa da Deputación de Pontevedra “Violencia zero” onde reivindica a sororidade e o papel liberador da muller dentro da danza contemporánea.
Na actualidade combina a labor docente coa produción de pezas coreográficas, ademais participa en proxectos socio-educativos e comunitarios onde a danza é o eixo central para a educación emocional e para promover valores como a igualdade e a inclusión.