Danza comunitaria

A danza comunitaria é unha ferramenta para lograr a mellora da calidade de vida das persoas, grupos e comunidades a través do movemento e a expresión corporal. Ten unha finalidade socio-educativa, do benestar e unha orientación inclusiva. Isto supón que a danza vai ser un medio de expresión artística para o desenvolvemento social, a promoción da saúde e a prevención.

Pártese da premisa de que o acceso á cultura debe ser universal. Independentemente da súa orixe, condición ou grupo social, as persoas deben ter as mesmas oportunidades para o desenvolvemento artístico e a autorrealización. Esta necesidade de universalizar o acceso á cultura e de que a danza sexa accesible, está ligada coa necesidade de benestar físico e emocional que achegan o movemento, a conciencia corporal e a libre expresión. Pódese traballar, polo tanto, con diferentes tipos de poboacións, estudantes, persoas en risco de exclusión, minorías, persoas con síndrome de Down ou persoas maiores. Debemos ter en conta que a finalidade última é a transformación social para a mellora da calidade de vida das persoas e a participación social e inclusiva.

A metodoloxía de traballo dependerá do grupo obxectivo ao que vai dirixido. Non obstante, os eixos comúns cos que traballamos adoitan ser: a exploración do corpo e do movemento para expresar ideas e o traballo de xeito interactivo. A danza a través da linguaxe do movemento permite abrir a mirada cara o outro, compartir vivencias, encontrar un ritmo común e utilizar múltiples poéticas compartidas.

Proxectos socio-educativos

Traballamos con menores e estudantes onde a finalidade é promover a igualdade entre as persoas, a educación emocional e as habilidades sociais.

Danza para a igualdade

É un proxecto socio-educativo dirixido a adolescentes para promover a igualdade de xénero e o bo trato. Traballamos desde a perspectiva de xénero facendo un breve percorrido histórico do papel da muller na danza, ademais exploramos a comunicación co outro, a expresión corporal e a creatividade.

Danza e educación emocional

É un proxecto dirixido ao alumnado para aprender a xestionar as emocións e a expresar asertividade a través da danza e a expresión corporal. Traballamos as emocións, a asertividade e a expresión emocional.

Danza para maiores

O traballo corporal en idades avanzadas é esencial para o benestar físico e mental, ademais a danza achega a posibilidade de expresarse libremente, o que implica a mellora do benestar emocional e en definitiva da súa calidade de vida. Temos experiencia en proxectos como “Danzaterapia” no IV ciclo da USC e en obradoiros con persoas de avanzada idade. A conciencia corporal, o gozo da danza e a comunicación interpersoal son os eixos fundamentais sobre os que xiran os obradoiros. Trabállase o corpo sensible, a interacción co outro e foméntase a creatividade. No seguinte vídeo vemos o resultado dun traballo co alumnado do IV ciclo da USC con coreografía de Rosa Acuña.

Reproducir vídeo

Danza inclusiva

A través do Espazo de Danza da USC levouse a cabo un proxecto en colaboración coa Fundación Down Compostela, que tiña como obxecto a inclusión social e a expresión artística das persoas con síndrome de Down. Da conciencia persoal pasamos á interacción cos demais, a mirada en espello e á composición conxunta. Creouse a peza “Metamorfose” que se levou ao escenario, o que permitiu crear experiencias comúns e abrir espazos compartidos. 

A danza inclusiva pretende promover experiencias artísticas onde a inclusión e o recoñecemento do outro son os eixos fundamentais.